Últimos días para presentar o teu proxecto ao Festival Pezas dun teatro do porvir Galiza e Portugal 2022

A Asociación Galega de Escritoras e Escritoras (AELG) pon en marcha a quinta edición do Festival Pezas dun teatro do porvir Galiza e Portugal 2022 que mantén aberto o prazo de inscrición ata este venres, 28 de outubro. Esta iniciativa teatral enmárcase dentro da VII Xornada da ‘Sección de Literatura Dramática. Cartografías da palabra en acción‘ que naceron con vocación de poñer en foco unha das manifestacións artísticas máis senlleiras e estratéxicas dun sistema literario e dunha cultura de seu.

Con esta iniciativa, a AELG quere “tomarlle o pulso á creación escénica contemporánea e aos retos fronte a esta época, marcada pola pos-pandemia e a crise derivada, á que se suma a guerra en Ucraína”. Deste xeito, o festival Pezas dun teatro do porvir busca presentar, analizar e debater propostas escénicas que se están a ensaiar e a crear neste momento.

Irmandade con Portugal

“Ademais, queremos procurar o diálogo coas inquedanzas que, neste ámbito, podemos compartir coas dramaturgas e dramaturgos de Portugal, reforzando os lazos de irmandade que se remontan á orixe común da nosa lingua”, sosteñen dende a asociación. Por isto, contará coa presenza do director artístico do Centro Cultural Vilaflor de Guimarães, Portugal, Rui Torrinha, responsable da dirección e programación de varios espazos fundamentais e de renome internacional.

Aberto o prazo de inscrición

Nesta quinta edición do festival acolleranse 7 proxectos (4 galegos e 3 portugueses), que serán amosados e compartidos en público. Para iso, as pezas deben de utilizar textos en galegoportugués, individuais ou colectivos, para un espectáculo en calquera das modalidades e xéneros das artes escénicas. Debe tratarse dunha peza ou proposta escénica que estea en proceso de creación/realización.

Un comité de selección, formado pola comisión organizadora da AELG, xunto a Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e Célia Guido Mendes, directora do Centro Cultural Português Camões de Vigo, baseándose en criterios artísticos, escollerá 4 propostas de Galiza e 3 propostas de Portugal, para ser (re)presentadas no V Festival Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal.

Unha vez (re)presentadas, o mesmo xurado concederá o Premio V Festival Pezas dun teatro do porvir 2022/2023 que consistirá na estrea da peza nun dos espazos municipais da Coruña. É importante sinalar que, unha vez (re)presentados os proxectos, o xurado pode considerar que ningún deles reúne as características ou condicións necesarias e, por tanto, deixar o premio deserto. O prazo para a presentación de propostas, que se remitirán a oficiana@aelg.org, remata o 28 de outubro. Podes ver as bases aquí. 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego