Últimos días para inscribirse no Certame Enreguéifate

Este venres, 10 de marzo, remata o prazo de inscricións para o certame Enreguéifate. Como cada ano, tamén nesta edición hai dúas categorías: xeral e escolar; e seis premios en cada unha das mesmas: regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada.

A entrega de premios terá lugar o 14 de abril de 2023 no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, nun acto que suporá un fin de festa conxunto dos proxectos Enreguéifate e Regueifesta, e que contará coa participación de alumnado de centros educativos de Euskadi e Cataluña, ademais de escolares galegos.

Que é o Enreguéifate?

Enreguéifate é un proxecto impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega. Neste camiño, Enreguéifate súmase ao labor que xa veñen realizando diversas entidades públicas e privadas, así como moitas persoas do ámbito cultural e do ensino.

O obxectivo principal deste proxecto é que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar. Por iso, inclúe accións formativas para alumnado e profesorado, un certame regueifeiro e un encontro anual de regueifa.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego