Este 12 de setembro é o último día para inscribirse no Congreso Internacional de Toponimia do Camiño de Santiago. Os camiños de Santiago de Europa cara a Galicia. Lugares, nomes e patrimonio que se desenvolverá do 21 ao 23 de setembro na Facultade de Filoloxía da USC. A matrícula, que podes formalizar aquí, é de balde e conta coas modalidades presencial e online.
O Congreso está organizado pola Real Academia Galega en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e a Asociación Galega de Onomástica, e mais co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia.
O congreso contará, entre outros especialistas, cos investigadores principais dos equipos de Toponomasticon Hispaniae, o proxecto coordinado pola académica Ana Boullón que ten como obxectivo o estudo e a divulgación dun corpus seleccionado de nomes de lugar de todo o territorio español e portugués e, ao mesmo tempo, o establecemento de bases metodolóxicas firmes para o estudo da toponimia.