A Asociación de Medios en Galego, AMEGA, ten preparada unha xornada festiva e reivindicativa para este xoves, 22 de febreiro, enmarcada no Día dos Medios en Galego, na Sala Inn Club da Coruña a partir das nove da noite. Nesta cita, subirán ao escenario De Ninghures e Fillas de Cassandra que se atopa en plena xira de ‘Últimas Dionisíacas’.
‘Últimas Dionisíacas‘ é a nova proposta escénica e musical de Fillas de Cassandra, na que fan unha revisión dos temas máis coñecidos do seu primeiro LP, Acrópole, recuperan algúns dos sinxelos publicados nos últimos meses e dan a coñecer outros inéditos para o público. Con todo, unha das principais novidades é que Fillas de Cassandra están acompañadas sobre o escenario dunha banda que integran Tania Caamaño e Marina Vidal.