Ugia Pedreira comeza unha xira de presentacións do documental Basal

A Área de Cultura da Deputación da Coruña prepara unha rolda de dez presentacións do documental Basal, un traballo con guión e dirección da cantautora Ugia Pedreira e realizado por Óscar Górriz, responsábel tamén da realización, dirección de fotografía e montaxe. O ciclo de proxeccións, que incluirá coloquio con Ugia, comezará o vindeiro 27 de marzo en Boiro e percorrerá varias localidades até o mes de xuño.

Esta programación forma parte das actividades organizadas pola Deputación da Coruña con motivo do Día Internacional da Arte, que se conmemora cada 15 de abril. Basal é un documental que retrata a vida da artista, coñecida como A Pedreira, e a relación coa súa filla Lua Awel, que ten parálise cerebral e mantén unha relación «curiosa e espléndida» coa música. O relato percorre diferentes momentos do proceso creativo e vital das dúas, incluíndo a participación de Lua na gravación do álbum tamén titulado Basal.

O proxecto preséntase como un formato de ‘docudisco’ que convida a un paseo sonoro polas cancións da artista. A narración transita tamén pola casa familiar da Pedreira e polo canto da súa nai, Isabel, cantora popular de quen herdou o patrimonio musical galego da súa terra natal.

O documental incorpora tamén a participación en Nova York da música Cristina Pato, quen reflexiona sobre o papel da arte como un dereito e non como un privilexio. Nesta liña, o proxecto reivindica a importancia de promover actividades culturais accesíbeis para todos os públicos, independentemente das súas capacidades.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego