Hai trinta anos, o 28 de xullo de 1992, Fidel Castro chegou a Láncara acompañado de Manuel Fraga, daquela presidente da Xunta, xunto cunha enorme comitiva ben diversa, conformada por militantes da UPG (Unión do Pobo Galego) mais tamén por múltiples membros do Partido Popular. Nesta visita, cun ton claramente festivo, Castro visitou a casa paterna, de Ángel Castro, en Láncara. Esta mesma casa vén de reabrir como museo dedicado á familia Castro e á emigración galega en Cuba. O nome oficial é Casa Museo Ángel Castro, Centro de Interpretación da Emigración Galega.
O proxecto, impulsado pola Asociación Amistad y Solidaridad Láncara- Cuba, contou co apoio do Concello de Láncara, a Deputación de Lugo e a Confederación de Empresarios provincial.