Tres pezas de Nós Televisión sobre os obreiros e as obreiras galegas para ver neste 1 de maio

O movemento sindical e anarquista marcou a actividade do barrio compostelán de Sar nos primeiros anos do século XX tornando nunha forte represión tras o golpe militar do 36. Recuperamos a historia do sindicalista e antifascista galego Marcial Villamor, veciño deste barrio que hoxe leva unha praza co seu nome para que endexamais caia no esquecemento.”Era un home moi concienciado politicamente e sobre todo un loitador polos obreiros”, destaca o seu neto Manuel San martín.

Na parte oeste da cidade da Coruña sitúase a Agra do Orzán, un dos barrios con maior densidade de poboación de toda España. En apenas 0,4 quilómetros cadrados habitan 30 mil persoas. Esta é a historia dun barrio obreiro na que o cemento e os coches foron gañando espazo até expulsar ás persoas. A veciñanza leva décadas solicitando un parque no que poden desenvolver a vida en común. Nesta reportaxe, poñemos voz a unha loita compartida en moitos outros barrios conformados por traballadoras e traballadores.

Actriz, escritora, bailarina, obreira. Helena Salgueiro recolle a diversidade das artes para colocar en escena as bases teóricas da feminista marxista Silvia Federici. O corpo, a poesía, o traballo e a performance conformaron a representación de ‘ferro, federici’. “As mulleres somos a máquina produtiva máis necesaria do capitalismo”, sostén Salgueiro.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego