O Milladoiro acolleu este xoves o arranque do Festival Internacional de Cinema Infantil Cinema Miúdo con pases escolares e seguirálle mañá a vila de Bertamiráns. Logo, o venres á tarde, Cinema Miúdo abrirá as súas portas a todo o público infantil prolongando o festival ata o domingo. Na programación, destacan 30 estreas absolutas en España dentro dos 70 filmes que compoñen esta IX edición dedicada ao mundo das ciencias. O ano pasado preto de 2.000 persoas participaron nas distintas actividades do festival.
Proxectaranse máis de 70 curtametraxes
O festival proxectará máis de 70 curtametraxes, das que 36 competirán nas dúas categorías do festival: Axóuxeres (público menor de sete anos) e Buxainas (maiores de sete anos); e outras 17 formarán parte da sección especial para escolares. A programación incluirá máis de trinta estreas en Galicia e en España, reforzando o carácter internacional e de propostas audiovisuais novidosas dirixidas ao público infantil.
A ciencia será o fío condutor desta edición, procurando achegar o pensamento científico á infancia desde diferentes perspectivas, reivindicando o seu valor e dando visibilidade ao papel das mulleres neste ámbito. Tamén se explorará a ciencia ficción como xénero cinematográfico, a través de dúas sesións especiais de curtametraxes contemporáneas e clásicas nas que as viaxes espaciais, os robots e a ciencia son protagonistas.
Como é habitual, o festival celebrará dous obradoiros nas mañás do sábado e o domingo, orientados a fomentar a creatividade e a curiosidade por descubrir como funciona o mundo a través da linguaxe audiovisual. A programación pódese consultar aquí.



