A Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua celebra os seus 25 anos cuns faladoiros sobre as diversas etapas da súa historia. A escritora e xornalista Rosa Aneiros foi a encargada de conducir as cinco conversas con distintas persoas que pasaron pola directiva da asociación estes anos.
Ao longo dos cinco debates analízanse varios aspectos do percorrido da entidade normalizadora. En primeiro lugar, pretenden lembrar o papel dos e das técnicas de normalización lingüística e o traballo feito durante os 25 anos da asociación, tamén trazar unha panorámica das claves sociolingüísticas que caracterizaron esta etapa e a súa repercusión na normalización lingüística e, finalmente, reflexionar sobre o futuro desta última como proceso social e ámbito de traballo.
Cinco conversas na rede
A equipa de Nós Televisión encargouse da coordinación e do soporte técnico das conversas que se estrearon a semana pasada na canle de YouTube da CTNL.
Soco García Conde e Marta Souto González, técnicas de normalización lingüísitica dos Concellos de Santiago e Vigo respectivamente e Daniel Romero Rodríguez, xestor de actividades culturais e de normalización lingüística do Concello de Fene, lembran as orixes os primeiros anos da CTNL na conversa que abre a serie.
A segunda conversa aborda o contexto de traballo durante os 25 anos, os avances e retrocesos na política lingüísitica e como estes influíron no labor das persoas que traballan en normalización lingüística. Ana Iglesias Álvarez, investigadora e docente na Universidade de Vigo, a técnica de normalización lingüística do Concello de Ames e exsecretaria da CTNL, Rosa Moreiras Cuñarro e Susana Mayo Redondo, técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, participan neste debate.
Tres técnicas de normalización lingüística do ámbito municipal e que iniciaron o seu labor ao longo dos 25 anos de historia da CTNL, falan da axuda que a asociación proporciona para o traballo, a coordinación e o encontro dalgúns proxectos que se impulsaron grazas á existencia da entidade. Mónica Fernández Valencia, secretaria da CTNL e técnica do Concello de Ourense, Conchi Cochón Rodríguez, do Concello de Pontevedra e expresidenta da CTNL e Xulia Rigueiro García, do Concello da Coruña, son as participantes na terceira conversa.
Nel Vidal Barral, profesor e extécnico de normalización lingüística do Concello de Carballo e expresidente da CTNL, Dores Sánchez Alegre, técnica de normalización lingüística da Deputación da Coruña e exvogal da CTNL e Tono Formoso Lado, fundador da cooperativa Fabaloba e tamén exvogal da asociación, son os participantes da cuarta conversa. As diferentes vertentes do labor desenvolvido desde a CTNL e o xeito de traballar da entidade son os temas tratados.
A serie péchase coa conversa que analiza o presente e futuro da asociación. Isabel Vaquero Quintela, técnica de normalización lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, Luis Pérez Barral, técnico de normalización lingüística no Concello de Outes e na Mesa pola Normalización Lingüística, Olga Patiño Abeixón, docente e exvogal da CTNL e a actual presidenta, Anxos Sobriño Pérez son as participantes da quinta conversa.
25 anos de historia
No ano 1996 constituíase a Coordinadora de Traballadores e Traballadoras da Normalización da Lingua. Ao longo destes 25 anos, un cuarto de século, a experiencia desta entidade nutriu de coñecemento e de iniciativas diversas o ámbito do traballo na área da normalización lingüística. Iniciativas como Gústame o galego, Youtubeiros ou Apego, entre outras, son produto destes anos de intercambio, traballo e imaxinación.