‘Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra‘ chegará este venres, 20 de outubro, a Vila de Cruces. O Auditorio Municipal Xosé Casal acollerá ás 19:30 horas unha das charlas da campaña coordinada pola Real Academia Galega co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Na sesión o público aprenderá como empregar a aplicación Galicia Nomeada, que lle permite á cidadanía colaborar na recolla de nomes de leiras, fontes, camiños, devesas e outros microtopónimos que corren o risco de se perder.
O coordinador técnico da plataforma, o filólogo da RAG Vicente Feijoo, explicaralles ademais ás persoas asistentes a orixe e o significado dos topónimos que designan este municipio pontevedrés e as súas parroquias e aldeas, unha información elaborada coa colaboración do académico de número Gonzalo Navaza na parte etimolóxica.
Toponimízate ten dous obxectivos principais: divulgar a riqueza toponímica de Galicia, que fai do país un lugar único no mundo pola insólita abundancia de nomes tradicionais que nomean case palmo a palmo o territorio; e involucrar a poboación de todas as idades e de todos os concellos galegos na recollida e xeolocalización dos microtopónimos aínda non rexistrados empregando a aplicación Galicia Nomeada. Nesta edición a campaña visitará unha ducia de concellos onde no seu día non se completou o Proxecto Toponimia de Galicia e ata o momento apenas se incorporaron microtopónimos a través da colaboración cidadá. É o caso de Vila de Cruces, concello do que, alén dos nomes das 187 entidades de poboación reflectidas no Nomenclátor de Galicia, só se rexistraron ata agora 25 microtopónimos.
Desde a súa posta en marcha a finais de 2019, as persoas que colaboran con Galicia Nomeada, unhas 3.200, achegaron máis de 67.000 microtopónimos localizados en 303 dos 313 concellos do país. Toponimízate fará tamén parada nesta sexta edición nos concellos pontevedreses de Tui e Ponte Caldelas, na provincia da Coruña visitará Padrón, Dumbría e Narón; en Lugo, Friol, Becerreá e A Pobra do Brollón; e en Ourense, Maceda, Amoeiro e Trasmiras.