A 41ª Festa da Carballeira de Zas comezará este venres a partir das 22 horas co son de El Nido. A noite continuará coa revolucionaria fusión de música electrónica e tradicional de Baiuca, para pechar a primeira xornada por todo o alto co prestixioso clarinetista bretón David Pasquet.
Alana, Radio Cos, Blackwest e Fillas de Cassandra
O sábado 8 a música arrancará cedo, ás 12:00 horas, cun formato totalmente familiar e interxeracional da man de Paco Nogueiras, a música de Xabier Díaz, o espectáculo da CE Orquesta Fantasma e o ilusionismo do Mago Teto. Esta intensa mañá servirá como antesala para a tradicional e gran Foliada popular.
Xa de cara á noite do sábado, os grandes concertos principais encherán o recinto coas propostas de Alana, o directo de Radio Cos, o folk internacional dos irlandeses Blackwest e o agardado directo do dúo Fillas de Cassandra. O broche final e o peche desta edición correrá a cargo do ritmo de Señora DJ.
Entradas
A venda anticipada de bonos online está a recibir unha gran resposta por parte do público. Os abonos regulares pódense adquirir a través de páxina oficial do festival. De cara aos días do evento, os prezos fixados para as entradas en taquilla serán de 20 euros para o venres, 20 euros para o sábado, e un abono para os dous días completos por un prezo de 30 euros.
Co obxectivo de fomentar o relevo xeracional e facer do festival unha experiencia aberta e accesible para todo o mundo, haberá entrada totalmente gratuíta para os menores de 14 anos e para os maiores de 65 anos.
Como é tradición, todos os asistentes disporán dun espazo lúdico infantil, feira de artesanía, unha coidada e variada oferta gastronómica e a habitual zona de acampada gratuíta dotada con baños e duchas, situada a moi poucos metros do recinto musical na Carballeira de Velar de Zas.



