Todo preparado para a estrea do filme documental ‘O Diamante Galego’ en Compostela

O Diamante Galego‘, un filme realizado por Nós Televisión para a Associaçom Galega da Língua (AGAL) co apoio da Deputación da Coruña, será presentado o vindeiro 14 de febreiro ás 19 horas na Facultade de Económicas de Santiago de Compostela.

O documentario aborda as relacións económicas galego-portuguesas coa participación de axentes políticos como Teresa Táboas, Pedro Puy ou Xesús Gamallo; presidentes das cámaras municipais de Tomiño e Cerveira; analistas como Antón Baamonde ou Diego Sande; directores de organismos empresariais e institucionais como António Cunha, Xoán Vázquez Mao e Daniel Palau; e persoas relacionadas co mundo empresarial como José Ramóm Pichel de Imaxin-Software ou Enrique Sáez Ponte, presidente da fundación Juana de Vega e ex-directivo do Banco Pastor.

Un documentario executado por Nós Televisión

O Diamante Galego conta coa presentación do escritor e poeta portugués, Tiago Alves,  dirixido por Diego Frey e Roi Ribeira, coa produción executiva de Eduardo Maragoto, cunha fotografía a cargo de Roi Barros e Pío Cribeiro, xunto con Ana Viqueira na voz en off e Nano Besada en gráficos e mapas.

Menos Mal que nos Queda Portugal

O Diamante Galego‘ forma parte dun proxecto máis amplo da AGAL chamado ‘Menos Mal que nos Queda Portugal‘ no que abordan as vantaxes do galego-portugués nos ámbitos económico e laboral.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego