Este venres a festividade do Banquete de Conxo volverá encher a carballeira do barrio. A festa, que arrancará o venres, terá o día grande o domingo, 14 de maio, cos desfiles teatralizados, o pregón e a posterior romaría popular na carballeira que estará amenizada por distintas actuacións musicais.
No concreto, o domingo arrancará co desfile “Alá van estudantes e artesáns” que partirá da praza do Toural e percorrerá as rúas de Compostela, baixo a coordinación artística dos Quinquilláns ata chegar á praza de Conxo, onde Xosé Lois Mouriño Couto e Lucía Perez Lemos se encargarán da lectura do pregón. A continuación a comitiva dirixirase á carballeira de Conxo, na que se fará unha representación teatral do Banquete de Conxo para dar paso ao tradicional xantar e romaría popular cos brindes de veciños e veciñas.
Pola tarde celebrarase “O serán da Fraternidade”, unha foliada que estará amenizada pola música e bailes tradicionais dos Fondaos do Pífaro, Grupo da A.C. Devagariño, Asociación de mulleres Recandea e Muiñeiros de Sarela, seguido polo pregón de despedida da Festa. Tamén haberá actividades para os máis cativos a cargo da Eira do Paporrubio.
Algunhas das novidades para este ano son a implicación activa das agrupacións e asociacións do barrio de Sar e da parroquia de Villestro e tamén un posto de asesoramento e aluguer de complementos propios da vestimenta acaída do século XIX para estudantes, artesáns, obreiros, fidalgos, crego…
Actividades para os máis novos
O programa de activades das Festas arrancará o venres ás 11:00 coa representación teatral de “O Pequeno Banquete” a cargo dos Quinquilláns e o alumnado do centro CEIP Quiroga Palacios. Un nutrido grupo de alumnos e alumnas de varios centros achegaranse á Carballeira para participar ou asistir a esta peza teatral, que dará paso a continuación ao concerto e á gravación dun videoclip das cantantes galegas, María Soa e Sara Faro, que conforman o grupo as Fillas de Cassandra.
Tamén terá lugar o II Certame de Brindes “Banquete de Conxo” dirixido ao alumnado de primaria, secundaria e bacharelato da cidade e organizado polo Departamento de Educación do Concello de Santiago. Ao igual que na edición anterior, os gañadores do certame serán convidados a participar nos brindes do domingo 14 na Carballeira de Conxo.
Poesía, música e otras temáticas
Durante os tres días todas as persoas interesadas terán a oportunidade de participar nun amplo abanico de actividades lúdicas e formativas. O venres 20 pola tarde, impartiranse dous obradoiros, un adicado ao baile tradicional (18:30 h), sen inscrición previa; e outro aos tradionais Cantos de Taberna (19:00 h), cun percorrido posterior polos bares do barrio.
Este ano, tamén a Escola Municipal de Música se une á Festa do Banquete celebrando a súa II Andaina musical na mañá do sábado 13 de maio. Esta iniciativa propón á cidadanía unha ruta de 3,4 km, que conxuga actuacións musicais, e contacto co medio ambiente e o patrimonio natural que sirva ao mesmo tempo para achegar á cidadanía o traballo realizado na Escola durante o curso.
Co fin de coñecer máis en profundidad a contorna onde se desenvolveu o Banquete, o sábado ás 10 e ás 11 terá lugar a actividade inmersiva “Baños do Bosque” con previa inscrición a través do correo electrónico bosque@santiagodecompostela.gal. Tamén ás 12:00 horas, Quique Alvarellos guiará o roteiro “Voces do Bosque” sobre a historia dos autores e autoras que escribiron sobre o Bosque de Conxo, con inscrición previa rutabanquete@santiagodecompostela.gal.
Xa na tarde do sábado, o CSC Aurelio Aguirre de Conxo acollerá a mesa redonda “As enerxías renovables a debate” a partir das 18:00 h.
O programa completarase cun Concerto da Coral do Psiquiátrico de Conxo xunto coa Coral Amigos do Castiñeiriño, o Coro de Santa Susana, o Coro de Habaneras Rocha Forte, o Coro Crecente de Voces Graves e o Orfeón Tradicional da Colexiata de Sar na Escalinata do Hospital Psiquiátrico de Conxo ás 19:00 e a “A Festa da Poesía”, que será conducido por Helena Salgueiro e contará coa participación musical de Amorodo, O Rabelo e Paulinha e das poetas Belén Senín, Sara Vilar e Noelia Gómez, e que terá lugar na Praza Aurelio Aguirre ás 21:00 horas.
4º Mercado do Libro
Os estudantes e artesáns tamén estarán presentes na festa, a través do mercado do libro e da mostra de oficios que se celebrará os días 13 e 14 de maio na praza Aurelio Aguirre. Baixo a organización do Departamento de Comercio do Concello, este espazo acollerá 17 expositores dos sectores do libro e da artesanía así como mostras de xogos populares, presentacións de libros, recitais poéticos e actuacións musicais.
O mercado tamén contará cunha mostra de oficios tradicionais, coa exhibición en vivo do traballo de artesáns de diferentes oficios tradicionais tales como a forxa, orfebrería, coiro ou cerámica, entre outros.
Tren do Banquete de Conxo
O sábado e domingo, veciños e visitantes poderán tamén desfrutar dun percorrido especial e gratuíto do tren turístico, decorado para o ocasión con motivos da Festa do Banquete de Conxo.
Os traxectos, de ida e volta, terán como punto de partida a Alameda (parada Aurelio Aguirre) e chegarán á praza de Martín Herrera (parada Rosalía de Castro) no barrio de Conxo, con prioridade de acceso para as familias con nenos, as persoas con mobilidade reducida e persoas vestidas de época. Pódese consultar as horas de saída desde os dous puntos no programa.