Todo preparado no Festival de Pardiñas para celebrar un ano máis a cultura galega

A deputada provincial de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro, participou esta semana na presentación XLVI Festival de Pardiñas, que se celebra do 1 ao 3 de agosto en Pardiñas, en Guitiriz, da man de Xermolos.

O programa comeza o venres co certame de Cantos de Taberna polos bares e rúas de Guitiriz e continúa sábado e domingo no recinto do Festival, cunha decena de concertos de Galiza, Esciocia, Francia e Arxentina e Colombia, ademais de obradoiros de baile e instrumentos tradicionais, deportes tradicionais e a XXXII Mostra de Instrumentos de Música Tradicional organizada pola Asociación de Gaiteirxs Galegxs.

O pregón do Festival correra a cargo de Richi Casás, neto e sobriño de Rosa e Adolfina Casás, pandereteiras da Vila da Igrexa, en Cerceda, en quen se personificou -entre outras- a homenaxe ás cantareiras e á poseía popular nas Letras Galegas deste ano. O tamén músico e profesor estará acompañado polas cantareiras Hadri e Jenni Felpete.

Na presentación do Festival, celebrada no Balneario de Guitiriz, Iria Castro parabenizou á Asociación Xermolos pola organización dunha nova edición do Festival de Pardiñas,”unha institución se falamos de festa e de celebración da cultura propia” e destacou “o interese de preservar festivais gratuítos, para que todo o mundo poida achegarse a música”. Nesa liña, o presidente da Asociación Xermolos Alfonso Blanco reivindicou o Festival de Pardiñas como “un festival distinto, diferente”, unha feira e festa das artes que “se distingue polo afán de dar pulo á nosa creación como pobo” que, lembrou, “ é froito da ilusión, dos soños e do traballo de moita xente”.

Na presentación participaron tamén a alcaldesa de Guitiriz Marisol Morandeira, Adrián Méndez, do grupo De Ninghures, que actuará no Festival, así como integrantes da Asociación Xermolos, edís da corporación municipal e patrocinadores privados. A área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo achega 20.000 euros para a organización do Festival de Pardiñas.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego