As integrantes de Leilía abrirán as Festas do Apóstolo 2023 este xoves, 20 de xullo, co pregón que terá lugar ás 22 horas na Praza do Obradoiro. Acto seguido, subirán ao escenario The Original Wailers.
Con todo, a maioría dos concertos terán como escenario a praza da Quintana onde atoparemos a Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre ou a Sarah Maccoy. As entradas, como é habitual, serán gratuítas. Tamén nesta praza terá lugar outra das citas importantes das festas, o Xacobeo Clarinet Fest que se desenvolverá o sábado 22 de xullo.
Na programación inclúese o concerto da Banda Municial, que subirá ao escenario acompañada da Europeiska Orkiestra, o xoves 27 de xullo e o concerto da Real Filharmónica de Galicia o venres 28.
O parque de Galeras tamén acollerá oito concertos entre as que atopamos a Lucía Aldao, o domingo 23, ou Seso Durán o 25 de xullo. Para diversificar as actuacións, tal e como sucedeu noutras edicións, a praza de Mazarelos acollerá actuacións musicais como a do chelista Jorgue Suárez, gañador do XIII Concurso Peregrinos Musicais.
Entre as citas tradicionais destaca o XLV Torneo de chave, o Día do Trazxe Galego ou as arquestras na Alameda. A maiores, volverá o TRAD Fest, o domingo 30 no parque de Nobaval e o festival Dron Gaelic GP Mundial. Pódese consultar o programa na páxina web do Concello.