Nunha semana, o vindeiro 6 de xullo, dará comezo a Praza dos Libros no concello de Carballo. Esta cita literaria, que se prolongará ata o 9 de xullo, vén acompañada dun potente programa co que o Concello busca amosar o seu compromiso coa cultura.
A Praza dos Libros de Carballo, a PLIC, é a única feira literaria de Galicia que se celebra dentro dunha feira tradicional tan antiga. Por iso, os produtos gastronómicos da nosa terra teñen tamén un papel moi destacado. Tanto é así que o xoves 6 todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas cun pack de atún Calvo, e o domingo, día de feira e de despedida da Praza dos Libros, os libreiros e as libreiras entregarán un moletiño de pan de Carballo con cada venda.
Pola Praza dos Libros pasarán este ano autores e autoras coma María Lado, pregoeira desta edición; Marta Vilar, Félix Neira, Francisco Castro, Manuel Rey Pan e Eduardo Rolland, Héctor Pose, Nee Barros, María Canosa, Alberto Varela Ferreiro, Marilar Aleixandre e Inma López Silva. O sector ofrecerá durante os catro días un 10% de desconto en todos os títulos, e ademais con cada libro entregarán unha tarxeta rasca coa que poderán conseguirse premios directos: libros, mochilas, bolígrafos, chaveiros…
As casetas estarán abertas ao público de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas, polo que non hai escusa para non achegarse ata o corredor central da Praza do Concello.