Todo listo para unha nova edición da Rapa das Bestas, que será declarada BIC

A Rapa das Bestas de Sabucedo, Festa de Interese Turístico Internacional, celebrarase este ano entre o 5 e 8 de xullo. Os preparativos xa están todos a punto e a presentación do evento tivo lugar este martes no Museo das Peregrinacións de Santiago. Un acto ao que acudiu o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao; e o presidente da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, Paulo Vicente Monteagudo.

Esta edición será moi especial, pois a Xunta iniciará precisamente na primeira semana de xullo os trámites para incoar a Rapa das Bestas de Sabucedo como Ben de Interés Cultural (BIC) de carácter inmaterial, o que permitirá dar pasos para protexer a zona e poñela en valor, algo que o propio conselleiro considera como “de xustiza” e que é acollido como boa noticia tanto polo Concello como por parte da Asociación, que leva moito tempo solicitando pasos neste sentido.

A Rapa das Bestas contará ademais cunha completa programación tamén cultural, poñendo o foco en actividades ao longo do día para todos os públicos e deixando a noite para o protagonismo das orquestras.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego