O Pazo da Peregrina acolleu esta semana a presentación do festival Modo Galego, actívao! Trátase dunha festa coa que se pechará a cuarta edición deste programa que está organizado polo Concello de Ames e a Real Academia Galega, en colaboración coa Xunta de Galicia. No dito festival actuarán o grupo de música tradicional amesá As Mainas, e dúas das bandas máis potentes do panorama da música infantil en galego: A Gramola Gominola e Uxía Lambona e a Banda Molona. A festa será o venres, 17 de abril, ás 17.30 horas, na explanada do pavillón de deportes de Bertamiráns. Todo o alumnado dos centros de ensino de Ames recibirá o seu convite para poder asistir acompañados das súas familias. A apertura de portas será ás 17.00 horas.
O pasado 6 de febreiro remataron as actividades propostas na cuarta edición de Modo Galego, actívao! Nesta edición participaron arredor de 2.700 alumnos e alumnas que contaron coa colaboración de case 300 docentes e uns 200 profesionais da educación non formal. O programa de actividades pechou cunha gran foliada en cada centro escolar que estivo dirixida polas pandeireteiras do grupo As Maianas e das asociacións de Bugallido, que ao igual que na edición anterior, cantaron e bailaron a canción Falo galego porque quero!!, que as propias Maianas crearon explicitamente para o Modo Galego.
A cuarta convocatoria volveu a ser un éxito en canto á participación e confirma a consolidación da experiencia. Durante catro semanas, os alumnos e alumnas de infantil á ESO dos 11 centros públicos amesáns asumiron un obxectivo común: falaren galego o maior tempo posible e en todas as situacións do día a día, da casa á escola e do parque ás actividades extraescolares. Os nenos e nenas foron os auténticos protagonistas dunha proposta de marcado carácter lúdico. Este ano como novidade, ademais do alumnado dos centros de ensino, participaron no programa os usuarios e usuarias das escolas deportivas municipais.

Festival Modo Galego, actívao!
O Festival que pecha a edición de Modo Galego, actívao? deste ano presentouse esta semana nunha rolda de prensa ofrecida no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, o alcalde de Ames, Blas García, o secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García, a académica da Real Academia Galega, María López Sández, a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, María Coutinho, a técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ames, Rosa Moreiras, e mais os representantes das Maianas e da Gramola Gominola, Inés Suárez e Paco Cerdeira.
Nas nosas redes sociais podes ver un pequeniño vídeo sobre a presentación. Entra nelas!



