A Coruña volverá converterse no venres 12 de xuño, e desde as 17.00 horas, nun dos grandes epicentros da música en galego e das culturas atlánticas coa celebración da terceira edición do festival Aquí Tamén se Fala, unha iniciativa impulsada desde o IES Rafael Dieste que conta co apoio do Concello da Coruña, da área de Lingua da Deputación da Coruña, e da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia.
O evento, que naceu nas aulas dun instituto público da cidade e que terá de novo lugar na Praza da Tolerancia, consolídase este ano como un festival de dimensión internacional grazas á incorporación ao cartel da artista portuguesa Carolina Deslandes, unha das voces máis relevantes da música lusa contemporánea e auténtico fenómeno social cun millón de seguidores en Instagram nun país de pouco máis de dez millóns de habitantes. A presenza de Deslandes marca un novo fito para un festival que, desde a súa creación, conseguiu situar a música e a lingua galegas nun espazo de prestixio, convivencia e celebración colectiva.
Xunto á artista portuguesa actuarán as bandas galegas Apolo 18, Kid Mount e De Ninghures, tres propostas que representan a diversidade, a renovación e o momento de efervescencia creativa que vive actualmente a música galega.
O festival é unha das iniciativas máis visibles de Aquí Tamén Se Fala (ATSF), o maior movemento de dinamización lingüística do país, nacido no IES Rafael Dieste e convertido xa nun fenómeno social e educativo de sen precedentes. O que comezou como unha campaña impulsada polo alumnado para visibilizar a presenza do galego nos barrios da Coruña acabou estendéndose a centos de centros educativos de todo o país, mobilizando decenas de miles de estudantes e recibindo recoñecementos como o Premio da Cultura Galega, o Innovagal, o Rosalía de Castro da Deputación da Coruña ou o Mil Primaveras. Tras congregar arredor de 5.000 persoas en cada unha das súas anteriores edicións, o Festival Aquí tamén se fala afronta este novo capítulo coa ambición de seguir medrando sen renunciar á súa esencia: demostrar que a mocidade pode liderar proxectos culturais de grande impacto e que a lingua galega ten capacidade para ocupar con naturalidade os escenarios, as rúas, as pantallas e os espazos de referencia do presente.
Nós Televisión realizou no 2024 unha reportaxe sobre Aquí tamén se fala! na Coruña, coindicindo coa celebración do I Festival. Podes ver o audiovisual no comezo desta nova ou na nosa canle de youtube.



