The Rapants levarán hoxe o seu ‘Rapants Club’ ás Noites de María Pita

As Noites de María Pita recibirán hoxe, martes 11 de agosto, ás 22.00 horas, ao grupo The Rapants que presenta o seu novo traballo discográfico,‘Rapants Club’.

A formación chega á cidade nun dos momentos máis destacados da súa traxectoria. Tras converterse nun dos grupos máis demandados dos escenarios galegos e estatais, The Rapants continúa consolidando unha proposta musical que combina pop, garage rock, influencias disco e unha potente enerxía en directo.

A alcaldesa, Inés Rey destacou a presenza da banda dentro da programación festiva. “Seguimos apostando polo talento musical galego e por ofrecer espazo nas grandes programacións da cidade aos grupos que están a marcar o presente da nosa música. The Rapants representan como poucos a forza da nova escena galega e a capacidade dos nosos artistas para conectar con públicos moi diversos”, sinalou.

O grupo presenta neste concerto as cancións de ‘Rapants Club’, o seu cuarto álbum de estudo, publicado este ano. O disco supón unha nova evolución na súa traxectoria artística, incorporando unha maior variedade estilística, novas influencias electrónicas e sonoridades máis próximas á música disco, sen renunciar á identidade que caracteriza á banda. O traballo inclúe doce temas e colaboracións de artistas como Joe Crepúsculo, Sara Faro e Antía Ameixeiras, nun proxecto que combina guitarras contundentes, sintetizadores, letras con novos matices e estribillos chamados a converterse en novos himnos para o público da formación.

The Rapants consolidáronse nos últimos anos como unha das propostas máis destacadas da música galega contemporánea. O seu anterior álbum, ‘La máquina del buen rollo’, foi recoñecido co Premio MIN ao Mellor Álbum en Galego, e permitiulles percorrer escenarios e festivais de toda a Península.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego