“Sendo unha profesora de portugués, paréceme raro que non falemos do galego e de Galicia nas clases”, sostén Thayane Gaspar que nace no Rio de Janeiro en 1992. Ela é xornalista, doutoranda en Ciencia da Literatura pola Universidade Federal do Rio de Janeiro (UFRJ) onde imparte aulas de Cultura, Lingua e Literatura Galegas. O seu vínculo co galego vén desde a súa mocidade. Visitou o noso país en diversas ocasións e mesmo ten unha novela ambientada en Compostela, ‘Nossa concha de retalhos’. Quedamos con ela na facultade de Filosofía e falamos sobre o seu vínculo coa nosa lingua, a nosa cultura e os camiños que abre a lusofonía.