‘A viaxe do Señor López’, protagonizada polo actor e dramaturgo lucense Rubén Pérez Pombo, será o espectáculo que, este próximo sábado, 5 de novembro, ás 17 horas, se poderá presenciar no auditorio da Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei.
A peza teatral deste sábado, dirixida para nenas e nenos a partir de seis anos e as súas familias, conta a historia do Señor López, unha persoa solitaria, triste e gris. Un día calquera acontécelle unha desas cousas solitarias, tristes e grises tan característica do mundo dos adultos e a partir dese momento todo cambia. Monta unha compañía de teatro. Aprende a contar chistes. Fala idiomas inventados. Viaxa nunha balsa por un mundo cheo de cores e alegría. O Señor López convértese nun paxaro-inuit.
Rubén Pérez participou no pasado en proxectos teatrais coas compañías Palimoco, Microefectos Dramatúrxicos, Ítaca Teatro, así como Lucecús Teatro ou Ibuprofeno e coordinou diferentes proxectos interdisciplinares como Esperta Zoe, Rincon Literario ou Buxiganga, proxecto teatral da Deputación de Lugo. Con varias publicacións e premios como creador artístico, puxo en marcha nestes últimos anos unha compañía, Señor López Producións Teatrais, un proxecto persoal onde quere desenvolver a súa faciana máis persoal e divertida, achegando propostas educativas para o público máis novo co obxectivo de encher os teatros.
Para asistir ao espectáculo é necesario facer reserva (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.