‘Taxibol’, de Tommaso Santambrogio fíxose co Premio MICE ao Mellor Filme da 19ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego. Un galardón que o cineasta italiano agradeceu a través dun vídeo no que expresou o orgullo de facerse cun premio “nun festival de cinema etnográfico que se enfoca tanto sobre a postura antropolóxica no cinema”. Entregou o premio, dotado con 1000 euros e trofeo, Concha Losada, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, nunha gala celebrada no Auditorio do Museo do Pobo Galego, conducido pola actriz e creadora Carlota Mosquera. U
O Premio MICE ao Mellor Filme Galego foi para ‘Habitar’, unha curta de Anxos Fazáns que o xurado describiu como “creativa e luminosa” que “a través dunha narrativa non convencional, ofrece unha perspectiva lúcida e contribúe á visibilidade das experiencias de persoas transxénero e non binarias”. Entregou o premio, dotado con 800 euros e trofeo, Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela. A cineasta agradeceu o premio e apuntou o seu desexo dun “audiovisual galego libre e diverso e por seguir construíndo eses espazos abertos de oportunidades para todas as persoas”.

Palmarés da MICE
O Premio AGANTRO á Excelencia Antropolóxica recaeu en El signo vacío, de Kathryn Ramey. O xurado da Asociación Galega de Antropoloxía destacou o “excelente traballo de composición e edición” co que a directora “crea un verdadeiro manual de estilo para o traballo de campo na descrición etnográfica”.
O Premio CREA, que entregou Adriana Páramo en representación da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización foi para o filme A Revolución (é) Probable, de María Ruido, Paula Barreiro-López e Lee Douglas. O xurado valorou da película que “a través dun labor de montaxe virtuoso e dun material de arquivo extraordinario” reflexiona acerca da memoria audiovisual dunha revolución moi cercana, da que se celebra este ano o cincuenta aniversario ante o ascenso da extrema dereita no parlamento portugués.
O Premio do Público, que entregou a deputada de Cultura da Coruña Natividade González, foi para 12 de maio de 1937, de Mar Caldas, un filme sobre o fusilamento, durante a guerra civil española, do avó da cineasta, José Caldas, sindicalista e concelleiro socialista.

Continúa a programación na 19 MICE
A programación paralela desta décimo novena edición da MICE continúa este luns coa formación “Creación audiovisual con dispositivos táctiles”, impartido por Coral Piñeiro e Bruno Arias, cineastas e responsables de MICEscola. A actividade formativa, que se desenvolverá de 17:30 a 20:30 horas, está destinada a todas aquelas persoas que teñan interese en empregar o proceso creativo do audiovisual na educación formal e informal.
Xa o martes, en vésperas dos festivos de Semana Santa, o protagonista será o público máis novo, as e os pequenos da casa. No marco da MICE Petís, desenvólvese este programa de proxeccións en familia, coa colaboración do programador Severiano Casalderrey. A proposta inclúe dúas escolmas de curtametraxes de interese etnográfico, unha primeira de 3 a 6 anos e outra de 7 a 10 anos. Ambas as dúas pasaranse de maneira paralela, no Auditorio e na Ala Sur do Museo do Pobo Galego, de xeito que os nenos e nenas dunha mesma familia con idades diferentes poderán acudir cada un e cada unha á proxección máis adecuada.
As entradas para todas as proxeccións son gratuítas. Toda a información sobre a grella e como conseguilas, na web.



