Subscríbete ao galego: PuntoGal, Dinahosting e a Amega celebran este maio o xornalismo en galego

Neste mes de maio e, con motivo do Día das Letras Galegas e o Día de Internet, a Asociación de Medios en Galego, a provedora de servizos dinahosting e PuntoGal  unen esforzos para apoiar o uso do galego nos medios de comunicación a través da iniciativa “Subscríbete ao galego”.

Dende o 17 de maio ata o 31 do mesmo mes, as persoas que se subscriban nalgún dos medios participantes na campaña recibirán un dominio .GAL e un hosting totalmente de balde durante o período dun ano. Este agasallo está valorado en máis de 170€.

Os usuarios beneficiarios recibirán os seus códigos para obter o seu hosting e dominio gratis ata o 30 de xuño.

Razóns de “Subscríbete ao galego”

Nun contexto cada vez máis global e profundamente condicionado polo uso das tecnoloxías dixitais, a Asociación de Medios en Galego, dinahosting e PuntoGal unen esforzos para promover unha maior presenza da nosa lingua na Internet.

A través desta iniciativa, as persoas beneficiarias poderán acceder gratuitamente a un dominio .GAL e a un servizo de hosting web, o que lles permitirá dispoñer dunha conta de correo profesional co seu propio dominio e poñer en marcha o seu proxecto web sen afrontar custos iniciais. Trátase dunha oportunidade para impulsar a creación de contidos en galego e avanzar na normalización do idioma tamén no ámbito dixital.

Ao mesmo tempo, esta campaña contribúe a fortalecer os medios participantes. Ofrecer valor engadido ás persoas que decidan subscribirse é unha fórmula eficaz para ampliar a base social e reforzar a presenza e a relevancia dos medios en galego.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego