No mes da conmemoración do Día das Letras Galegas e do Día da Internet, a Asociación de Medios en Galego (mediosengalego.gal), a provedora de servizos dinahosting (dinahosting.com) e PuntoGal (dominio.gal) unen esforzos para apoiar o uso da lingua na rede a través da iniciativa Subscríbete ao galego.
Entre o 17 e o 31 de maio, as persoas que se fagan subscritoras dalgún dos medios en galego participantes na campaña recibirán totalmente de balde un dominio .GAL e o aloxamento para a súa web durante un ano. Este agasallo está valorado en máis de 170 euros. As usuarias beneficiarias recibirán os seus códigos para obter ata o 30 de xuño o seu hosting e dominio gratis. “Unha oportunidade para unir forzas e mostrar a utilidade da nosa lingua na rede”, sinala o presidente da AMEGA, Pablo García (Radio Estrada) no marco do seu 10º aniversario.
Subscríbete ao galego
Nun mundo tan globalizado e marcado polo emprego da tecnoloxía, a Asociación de Medios en Galego, dinahosting e PuntoGal buscan contribuír a un maior uso da lingua na Internet.
Un dominio .GAL e un hosting web de balde permitirá ás persoas beneficiarias gozar dunha conta de correo profesional co seu propio nome de dominio ou iniciar o seu proxecto web sen necesidade de facer ningunha inversión inicial. Nesta campaña, non só participa Nós Televisión senón tamén outros medios de comunicación como Nós Diario, Tempos novos, Praza.gal, Luzes, Revista Mazarelos, Código cero, A Trave de Ouro e Radiofusión.
Ademais, apoian a campaña GCiencia, GaliciaConfidencial, Quepasanacosta, Revista Pincha, Radio Estrada, Lindeiros, Novas do Eixo Atlántico, XornaldaCoruña e O Barbanza.