Soños de Lunaria, de Ledicia Costas, chega hoxe ás librarı́as para abrir un novo camiño na narrativa xuvenil e fantástica, o primeiro romantasy escrito en lingua galega.
A obra conta cunha coidada edición en tapa dura e canto tintado —a primeira edición galega en incorporar este acabado—, a obra propón unha inmersión nun universo de maxia, criaturas imposibles e segredos capaces de mudar o destino de todo un continente.
Soños de Lunaria
A novela segue a Kiran, o primoxénito do rei de Ainruil. Aos dezaseis anos, vive atrapado entre a responsabilidade dun trono que non desexa e o rexeitamento dun pai que despreza a súa condición de mestizo: Kiran é fillo dun humano e dunha muller lince boreal. Cando o seu nome resulta escollido na Niñada, un rito que obriga os herdeiros a entrar no temido Bosque dos Condenados, deberá sobrevivir durante sete dı́as á persecución de cinco perigosos teriántropos.
No bosque, onde cada sombra pode ser unha ameaza, Kiran descubrirá que o verdadeiro inimigo quizais non sexa só a morte. Alı́ atopará a Irina do Norte, unha misteriosa licántropa de ollos de lúa coa que parece compartir un vínculo inexplicable, presente mesmo nos seus soños. Entre ambos nace unha alianza marcada pola desconfianza, o instinto, a atracción e un pasado común que pode poñer en cuestión todo o que Kiran cre saber sobre a súa familia, a súa identidade e o Tratado que mantén Lunaria sometida ao medo.

Soños de Lunaria destaca pola creación dun mundo fantástico de gran forza visual e emocional: un continente dominado pola Fabricante de Invernos, ritos crueis transmitidos como tradición, clans teriántropos, intrigas de palacio e unha loita contra un sistema de desigualdade.
A novela combina escenas de acción e supervivencia cunha historia de identidade, rebeldı́a e afectos prohibidos. Coa súa atmosfera escura e inmersiva, a súa compoñente romántica e unha trama chea de xiros, Soños de Lunaria reivindica o dereito a decidir quen somos fronte ás etiquetas impostas. É unha historia sobre o medo, a liberdade e o poder de manter a esperanza incluso cando todo parece perdido.
A novela sae unicamente en galego nunha mostra do compromiso da autora, Ledicia Costa, coa lingua e a literatura galega. Deste xeito, haberá que esperar para a tradución ao castelán, unha decisión que Xerais valora como fundamental para darlle un impulso a un xénero que triunfa entre mozos e mozas que len principalmente en castelán.



