Sonia Villapol presentará este luns ‘Consciencia. A ciencia que nos rescatou da pandemia’

Con motivo da chegada ás librarías da obra ‘Consciencia. A ciencia que nos rescatou da pandemia‘, a doutora Sonia Villapol Salgado presentará ante os medios de comunicación os contidos do libro. Será nun acto que terá lugar este luns, 17 de xullo, na libraría de Couceiro en Santiago ás 12.30 horas. Nesta cita literaria e científica tamén participará o director da colección Básicos Ciencia de Xerais, Miguel Vázquez Freire e o propio director da casa editorial, Fran Alonso. O volume fai un percorrido por todo o que se foi descubrindo sobre a Covid-19, o que se fixo ben e mal na xestión da crise sanitaria e, sobre todo, como a ciencia avanzou a conciencia para salvarnos da pandemia.

Sonia Villapol Salgado (Bretoña, A Pastoriza, Lugo, 1977) é neurocientífica e profesora. Licenciouse en Bioloxía Molecular pola Universidade de Santiago de Compostela e doutorouse en Neurociencias pola Universidade Autónoma de Barcelona. Traballou como investigadora na Universidade Pierre e Marie Curie VI en París e nos Institutos Nacionais de Saúde en Maryland. Foi profesora na Universidade Georgetown en Washington e, na actualidade, é xefa de laboratorio no Centro Médico de Texas, Houston. Publicou máis de setenta artigos científicos e a súa investigación céntrase no estudo da inflamación e da dexeneración do cerebro, na enfermidade de alzhéimer, na microbiota ou nos efectos da Covid.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego