Soledad Felloza nace en 1974 na cidade de Paysandú, no Uruguai. Desde que cruza o océano e asenta en Galiza, Felloza é uruguaia e galega.
O territorio e as palabras vertebran o seu traballo: o de contar historias, sexa a través dos libros, das fotografías, do teatro, da cociña ou da narración oral.
Soledad Felloza dirixe o Festival Internacional de Narración Oral Atlántica. Tamén leva a narrativa á rapazada dos institutos manténdose próxima ao transcurso das xeracións.
Ela é contadora de oficio: adapta as historias, escoita e ensancha as marxes da improvisación. Quedamos con Soledad Felloza no Instituto do Milladoiro, en Ames, para falar sobre os territorios e as linguas, as persoas e os contos, as palabras e os silencios.