O Pazo de San Roque de Santiago acolleu a presentación do Festival SISONS 2025, que terá lugar do 15 ao 18 de outubro en Santiago de Compostela. Un encontro aberto ao público e ao sector profesional, no que a música en directo, os showcases e o debate fusionanse coa vida cultural da cidade.
Na rolda de prensa estiveron presentes representantes da organización, que conta co apoio de MusicArte, Asociación Cultural Tres por Cuatro, Concello de Santiago, Deputación de Coruña, Xunta de Galicia, Ministerio de Cultura e Acción Cultural Española, AC/E.
O Festival Sisons busca impulsar a música local e estatal, xuntando a profesionais e público con concertos, charlas e actividades, resaltando a presenza de artistas como Bala ou De Ninghures, e novidades como concertos no parque Bonaval ou debates sobre dereitos de autor e editores musicais.

Durante a rolda de prensa, o secretario xeral de Lingua da Xunta, Valentín García, puxo en valor a participación nesta cita de grupos galegos, “acorde co bo momento que está a vivir a música galega e en galego” o que, segundo salientou, “serve para aumentar o prestixio da nosa lingua e de referente para as xeracións máis novas, dándolle pulo a un maior uso do noso idioma por parte da mocidade”.
A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González salientou durante a rolda de prensa que “con iniciativas coma esta reforzamos a idea de que a cultura é motor de desenvolvemento social e económico, que xera comunidade e que contribúe a construír unha sociedade máis xusta, aberta e orgullosa da súa identidade”. “Porque o Sisons”, engadiu, “é moito máis ca unha programación de concertos; é un espazo de encontro, de diálogo e de cooperación entre artistas, profesionais, institucións e cidadanía; é unha oportunidade para descubrir novos talentos, para abrir portas á circulación das nosas músicas e para proxectar a creatividade galega fóra das nosas fronteiras”. González puxo en valor algúns dos valores que defende o festival, “que o departamento provincial de Cultura comparte completamente, como son a promoción da igualdade de xénero, a inclusión, a sostibilidade ambiental e o uso da lingua galega como vehículo natural da nosa creación cultural”.
Pola súa banda, o director da AGADIC, Jacobo Sutil, fixo fincapé no compromiso do Goberno galego co desenvolvemento e consolidación do SiSONS Enclave Musical, un proxecto que se sitúa na mesma dinámica de proxección musical en todas as súas vertentes que outras accións tamén apoiadas pla Xunta, como Maré PRO, as delegación galega na Fira Mediterrània de Manresa, a participación no encontro estatal AIEnRuta Artistas ou a liña de subvencións á distribución exterior. Tamén enxalzou este tipo de iniciativas para o fomento e a colaboración entre axentes culturais e a difusión da música galega contemporánea nun contexto plural e participativo.
Aquí podes consultar toda a programación para cada día do Festival



