A AELG, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, elixiu ao ferrolán Siro López autor destacado do mes de setembro.
Siro López naceu no ano 1943 en Ferrol (A Coruña), e desde o 1970 ao 2006 fixo debuxo de humor e caricatura política en distintas publicacións galegas; os últimos trinta anos no xornal La Voz de Galicia. O xornalismo foi o seu medio de vida, pero sempre practicou, en paralelo, outro tipo de debuxo e mais tarde tamén a pintura.
Publicou dezaséis álbumes de temática variada, desde a caricatura e o humor á ilustración, o espido feminino e o retrato. Para o Proxecto Galicia, de Hércules de Edicións, fixo no 2004 as ilustracións dos dous volumes adicados á Antropoloxía.
En 1990 deseñou a Praza do humor de A Coruña, único recinto urbano destas características, que vén ser unha homenaxe aos grandes humoristas do mundo, desde Galicia e en galego. Tamén é autor dos Murais en Obras de Porto, de Ribadeo, realizados no 2004.
Levou exposicións individuais ás máis das cidades e vilas galegas e a Madrid, Bilbao, Barcelona, Vila Real e Lisboa. En 2006 presentou a exposición Desde Picasso na Galería Sargadelos de Barcelona e no Pazo Municipal de A Coruña. No 2007 viuse no Pazo da Deputación Provincial de Lugo, e en 2008 na Casa de Galicia en Madrid. En 2007 presentou no Museo Valle Inclán de A Pobra do Caramiñal a exposición Valle Inclán: retratos, caricaturas e visións, que despois foi itinerante por varias cidades galegas, durante tres anos, ata rematar en Vigo, no Museo Verbum. Casa das Palabras. En 2010 presentou na Fundación Torrente Ballester de Santiago de Compostela a exposición Ramón Piñeiro, en colaboración co Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades, que tamén se viu en varias ciudades galegas.
A súa obra está representada no Museo Municipal de Ferrol, Museo Carlos Maside de Sada, Museo do Humor de Fene, na Fundación Araguaney e o Centro Ramón Piñeiro de Santiago de Compostela, nas Casas Museo de Rosalía en Padrón e Otero Pedrayo en Ourense; nas coleccións de Caixa Galicia e Caixanova -agora NovacaixaGalicia-, na Universidade de Santiago, no Parlamento Galego, no Ministerio de Sanidade e no Congreso dos Deputados, en Madrid.



