‘Sinaladas’, unha exposición para difundir a loita das mulleres galegas no século XX

A praza Manuel Rodríguez Cobián de Padrón é a primeira parada da mostra itinerante ‘Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión‘, que a área de Cultura da Deputación da Coruña levará por cinco concellos da provincia ata finais do mes de marzo. En Padrón permanecerá ata o domingo 12 de febreiro.

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, que realizará unha visita institucional á mostra o vindeiro luns acompañado de representantes municipais, asegura que “se trata dunha iniciativa moi necesaria para difundir e socializar o papel da muller na nosa historia recente, con rigor histórico e de xeito didáctico e comprensible para todo tipo de públicos”.

Así, “Sinaladas” nace co obxectivo básico de divulgar a figura de mulleres e movementos para ofrecer unha visión global da memoria das mulleres, desde as revoltas agrarias, pasando pola situación educativa da muller durante a II República, a represión durante o franquismo e o exilio, ata a participación das mulleres na resistencia e na loita para conseguir a democracia. Ao longo das diferentes etapas históricas recolle figuras tanto tan coñecidas como María Casares como outras menos coñecidas como as mestras asasinadas e represaliadas durante o franquismo, así como loitas colectivas como o motín do arsenal de Ferrol ou a das cigarreiras coruñesas.

A mostra, que esta concibida especialmente para o espazo público, continuará a súa itinerancia por Narón, Carballo, A Coruña e Ames. Tamén inclúe unha unidade didáctica para planificar o proceso de aprendizaxe por parte dos centros educativos que se acheguen a visitala.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego