‘Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión’ é unha exposición de rúa composta por 39 paneis que inicia a súa itinerancia na praza Rodríguez Cobián de Padrón. O deputado de Cultura, Xurxo Couto, e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, encabezaron este luns unha visita institucional á mostra.
Trátase dunha exposición que nace da man da Deputación da Coruña co obxectivo de dar a coñecer a figura de mulleres e de diversos movementos, para ofrecer unha visión global da memoria das mulleres: desde as revoltas agrarias, pasando pola situación educativa da muller durante a II República, a represión durante o franquismo e o exilio, ata a participación das mulleres na resistencia e na loita para conseguir a democracia.
Así, os paneis recollen liñas biográficas de 540 mulleres das catro provincias galegas, das que 194 aparecen nalgunha das 373 imaxes incluídas nos 39 paneis temáticos. Neste sentido, ‘Sinaladas’ fai referencia a figuras tan coñecidas como María Casares como a outras menos coñecidas como as mestras asasinadas e represaliadas durante o franquismo, así como a loitas colectivas como o motín do arsenal de Ferrol ou a das cigarreiras coruñesas.
A mostra, que esta concibida especialmente para o espazo público, continuará a súa itinerancia por Narón, Carballo, A Coruña e Ames.