O 19 de maio ‘Sica‘ chegará ás salas de cinema, un momento cara o que camiñamos tras o lanzamento do tráiler. ‘Sica’ supón o debut na ficción da directora barcelonesa Carla Subirana (Nadar, Kanimambo, Volar) e rodouse integramente na Costa da Morte e en galego, en convivencia coa lingua catalá.
O filme, protagonizado polos actores debutantes, adolescentes da zona, Thais García Blanco, Marco Antonio Florido e María Villaverde, xunto a actriz catalá Núria Prims, é un coming-of-age que conta a busca que leva a cabo unha rapaza de 14 anos, obsesionada con que o mar devolva o corpo do seu pai tras un naufraxio. É unha coprodución entre a produtora catalá Alba Sotorra e a galega Miramemira (‘O que arde’), que conta ademais co apoio do ICEC – Generalitat de Catalunya, AGADIC – Xunta de Galicia, ICAA – Ministerio de cultura, TVE, Televisión de Galicia, TV3 e o Creative Europe Media Program.
‘Sica’
O filme rodouse na Costa da Morte, onde, segundo conta Subirana, “as correntes mariñas son mortais. Hai documentados máis de 600 naufraxios nesta zona, o que a convirte nunha das costas máis perigosas do mundo. A furia do mar fai dela unha sepultura xigante e, segundo contan as lendas, as almas dos mariñeiros poden oírse polas fendas da terra. Sica busca obsesivamente a voz do seu pai nun gran buraco ao pé do mar, a Furna das Grallas.”
En palabras da directora: “A Naturaleza é outra protagonista en Sica. O vento, o mar, as ondas… manifestan o seu propio estado de ánimo, co temperamento único que ten o océano nesta costa. As personaxes amósanse pequenas fronte á súa inmensidade, e temerosas ante a chegada do furacán Ofelia, que ao mesmo tempo es o único capaz de devolver a harmonía á vida de Sica. Como di Suso o Cazatormentas, Ofelia é a nai de todas as tormentas, pero só nos está avisando: despois dela virán máis, e distintas ás de antes. Sica é un berro de auxilio ante a crise climática.”