‘Sesión Bravú’ no Culturgal: hoxe ás 21:00 horas

Este outono cúmprense trinta anos da fundación do movemento bravú, un movemento cultural e musical que o revolucionou todo en Galicia. Para conmemorar a efeméride, Xurxo Souto, o que foi líder dos Diplomáticos de Monte Alto e referente indiscutible do bravú, protagoniza o filme documental BRAVÚ XXX, producido por Nós Televisión.

O filme presentarase en Pontevedra hoxe, este venres 29 de novembro, ás 21:00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura, dentro da programación do Culturgal, nun evento aberto a todos públicos até completar aforo comprando a entrada do Culturgal.

O evento pretende ser a gran festa do trinta aniversario do bravú na cidade de Pontevedra e ademais de poder asistir á presentación e ver o filme, todas as persoas poderán gozar do concerto en directo da Orquestra Bravú Xangai, que non estará soa, senón que subirá ao escenario co grupo musical Rager, do Proxecto Xerción Sónica de Pontevedra, un grupo formado por integrantes moi novas que versionaron este ano o mítico tema bravú dos 90 Estou na lavadora do Caimán do Río Tea, o cal poderemos escoitar en directo, entre outras sorpresas, nunha noite única para celebrar o bravú.

Trátase dunha produción de Nós Televisión realizada co apoio económico do Concello de Pontevedra, do Concello da Coruña, do Concello de Chantada, da Deputación da Coruña, do Concello de Santiago e do Concello de Carballo.

Estrea en Nós Televisión, R e Movistar Plus+ en aberto o 11 de decembro

BRAVÚ XXX estrearase en Nós Televisión o 11 de decembro, antes de rematar o ano e para culminar toda unha serie de eventos que están a ter lugar por toda a xeografía galega para conmemorar o trinta aniversario deste movemento. A partir dese día, o documental estará dispoñible en aberto na canle de youtube de Nós Televisión; na canle 119 da plataforma de televisión de R para toda Galicia; e na plataforma de Movistar Plus+ de contidos baixo demanda para todo o Estado español.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego