O programa de radio “Sempre en Galicia” é un emblema da cultura galega promovida desde o exilio galeguista e republicano do Río da Prata que, desde 1950, foi unha ponte cultural entre a diáspora americana e Galicia. Dirixido por Xan Leira, o filme documental sobre a súa historia preséntase nestes días en Galicia e Montevideo e o trailer pódese ver premendo AQUÍ.
“Sempre en Galicia, voz e pensamento galeguista na emigración”
No contexto do 75 aniversario da creación do programa, a produción deste documental é unha homenaxe á súa traxectoria e mantedores mais, tamén, é unha oportunidade de coñecer con perspectiva actual a valiosa contribución deste proxecto ao estudo da historia e da cultura galega producida na diáspora. A creación de medios de comunicación foi, desde sempre, unha tarefa importante para os colectivos migratorios. A presenza e actuación dos exiliados e emigrados no Uruguai promoveron novas iniciativas. Tralo falecemento de Alfonso Castelao en Buenos Aires, Antón Crestar impulsou coa colaboración dun grupo de galeguistas residentes en Uruguai, entre os que destacan Manuel Meilán, Xesús Canabal, Manuel Leiras Méndez, Emilio Pita Romero, Lois Tobío e Alfredo Somoza, a creación do programa de radio “Sempre en Galicia” que, 75 anos despois, representa un fito singular na historia da diáspora galega en América e, en particular, no Río da Prata. Este documental dirixido por Xan Leira para a produtora Memoria Documental de Galicia conta coa colaboración da Xunta de Galicia e o Patronato da Cultura Galega en Montevideo.
Faite socia, faite socio
As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego



