‘Segadores da Órrea en terras de Castela, unha historia de heroes’, estréase este venres na Deputación de Lugo

Durante 300 anos, desde o século XVII ata os anos 60 do século XX, entre 30.000 e 60.000 labregos galegos abandonaban as súas facendas para participar nas segas de Castela.  A parroquia de Santa Comba da Órrea participou deste proceso dun xeito moi activo, pois poucas casas quedaron sen mandar algúns dos seus homes -todos homes- a Castela durante o verán.

31 persoas, superviventes desa experiencia, a última testemuña viva e todas nacidas na Órrea, contan de primeira man como era a vida na parroquia neses anos e como se desenvolvía a sega en Castela.

Desde unha perspectiva estritamente realista, trátase dun documento singular, de 50 minutos de duración, de gran valor antropolóxico, social, cultural e incluso histórico, que xa lle foi solicitado á Asociación de Veciños e Veciñas desde diferentes puntos de Galicia. O documental foi dirixido pola xornalista Vanesa Gómez e a deseñadora e fotógrafa Laura Alonso, e foi financiado pola Área de Cultura, Patrimonio Histórico-Artístico e Normalización Lingüística da Deputación Provincial de Lugo.

O documental recibiu críticas moi positivas durante a súa pre-estrea para os segadores, as súas familias e a veciñanza da Órrea. Agora, estrearase, este venres, 5 de maio, ás 20 horas no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego