O Concello de Santiago aposta por unha reinterpretación do cartel orixinal que deseñou Castelao para as festas do ano 1912 para o cartel do Apóstolo 2025. “Este Ano Castelao non podiamos esquecer ao político que, dende o exilio, escribiu aquela ¡Compostela!: Eu vivín nove anos en Compostela cando Don Bruno tocaba o fagot, cando don Adolfo rasca o violín” e remataba dicindo que foran “bos tempos” aqueles nos que tamén se graduou en Medicina e desexando volver “verche, miña Compostela”. Así o explicaba a concelleira de Festas, Pilar Lueiro, na presentación do cartel e da programación completa que dará comezo o 18 deste xullo e se prolongará até finais de mes.
O cartel reinterpreta o orixinal de Castelao, cuxa reprodución se pode ver nos corredores do propio Pazo de Raxoi ou na exposición “Traxes e cores de Galiza” no Colexio de Fonseca, 113 anos despois.

As festas comezarán este venres, “cunha programación para todos os públicos, con concertazos como os de Biznaga o día do pregón, Youssou N’Dour, Sés e Baiuca no fin de festa, e clásicos como o desfile dos cabezudos, alboradas, o torneo da chave e o Día do Traxe”. Ao tempo, sinalou Lueiro, “afiánzanse unhas festas que se consolidan como diversas, descentralizadas, para todos os públicos e toda a familia, nas que destacan a Festa Pícara o martes 22 de xullo no parque Eugenio Granell e o programa Compostela Cinema, con proxeccións nos barrios da cidade”.
O pistoletazo de saída será o venres 18 de xullo cun pregón a cargo “dunha muller nova e cunha traxectoria brillante que se suma á esta listaxe de grandes mulleres referentes de Compostela”, subliñou a concelleira, que salientou de Blanca Millán o seu “compromiso firme co deporte, especialmente co fomento do feminino, o que nos permite afianzar os valores de igualdade a todos os niveis”. Millán “xa tiña un currículo extraordinario: Peleteiro de Santiago, aventura americana con moito éxito, Gran Canaria, Ensino de Lugo e na actualidade no Baxi Ferrol, cunha tempada que acaba de rematar espectacular” pero ademais, engadiu, “representa o que queremos para este concello, unha aposta polo deporte de base e diverso, comprometido coa igualdade e pulando pola visibilización do deporte feminino”.
A pregoeira amosouse emocionada pola oportunidade que lle brinda o concello: “unha honra e un orgullo” poder abrir unhas festas “que tan ben definen Santiago”. Blanca Millán agradeceu “que pensaran en min porque entendo que cren no poder inspirador do deporte en xeral, e do deporte practicado por mulleres en particular” e reivindicou máis visibilidade para as disciplinas femininas: “gústame pensar que o deporte feminino é presente e futuro, e que non necesita xustificacións, só condicións xustas. As mulleres na cancha temos demostrado con creces o talento, o compromiso e a capacidade inspiradora. Hoxe que teño esta oportunidade, quero expresar o meu rogo a institucións, patrocinadores e medios de comunicación para que garantan o mesmo espazo, a mesma visibilidade e o mesmo respaldo que ao deporte masculino, non como un xesto simbólico senón como unha decisión firme pola igualdade real no deporte e na sociedade”.
A esta reivindicación se sumou a concelleira, que animou a toda a cidadanía a escoitar o pregón de Blanca Millán o venres 18 a partir das 21.30 h na praza do Obradoiro.
Xa entrando no programa, os grandes espazos dedicados a espectáculos este ano serán Galeras, Praza de San Martiño Pinario, Mazarelos, Alameda, Parque de Bonaval, A Quintana, o Obradoiro, Parque Eugenio Granell e diversas localizacións no rural.
En Galeras estarán os concertos con moita música galega e en galego: Combos A casa do Rock (23), Aksak (24), Ker Cuez (25), Aida Saco (26), Francisco Castro Trío (27), Patrik García e Ginko Biloba (28), MJ Pérez (29) e Sheila Patricia (30).
Na Praza de San Martiño Pinario, a DANZA NO CAMIÑO o venres 18 con compañías procedentes de Taiwan, Andalucía, Extremadura e Galicia.
En Mazarelos: Peregrinos Musicais (29, 30, 31) e o domingo 27 o TradFest, que tamén estará en Bonaval.
Na Alameda, as orquestras: Grupo Alcázar (18); Grupo Bomba (19); Orquestra Alianza (24); Orquestra Galilea (25); Orquestra Los Coleguitas; Orquestra Miramar (31). No Palco da música, que se recupera para as actuacións, estarán As Tareixas o sábada 19 para o público familiar.
Na Quintana: Biznaga (18); Obradoiro de iniciación ás danzas urbanas e as Xornadas do Folclores (19); Día do Traxe (20); Sés (21); Youssou N´dour (22); Real Filharmonía (23); Saxos del Averno (24); Concerto Estrella Galicia con MAIKA Makovski (25); Lura (26); Baiuca (27); Serafín Zubiri e a BMM (30); e a Orquestra Bravú Xangai (31).
A Praza do Obradoiro queda reservada para o Día de Padrón no que actuarán as bandas municipais.
No Parque Eugenio Granell: o martes 22, a Festa Pícara con actividades dende as 12 da mañá con obradoiros, xogos populares, teatro, música…Rematará cun Concerto Tributo Lembra Xabarín ás 19.30H. Será unha festa con concertos accesibles mesmo para a xente xorda.
Logo do éxito de público do ano pasado vólvese programar Compostela Cinema. Proxectarase:
– O sábado 26 O amencer dos Nuggets e El orfebre de Olga Osorio, no parque Eugenio Granell, ás 20.30 h e 22 h, respectivamente
– Domingo 27: Antes de Nós, de Ángeles Huerta, na Praza da Lavacolla
– Luns 28: Xustiza artificial, no CSC da Gracia
– Martes 29: Rapa, no CSC de Laraño
– Mércores 30: Os Demos de Barro, en Verdía
Punto Lila e atraccións sen ruído
A concelleira lembrou que, como en anos anteriores haberá un Punto lila na Alameda do 19 ao 31 de 20 a 01 horas e cinco días de atraccións sen ruído: de 17 a 19 horas os días 19, 20, 21, 28 e 29. As atraccións estarán do 17 ao 31 de xullo.



