RTVE confirma á Mesa que neste 2025 comezarán as emisións en galego en Clan

O presidente da Mesa pola Normalización, Marcos Maceira, e a secretaria xeral da entidade de defensa da lingua, Celia Armas, maniveron esta tarde unha reunión co presidente de RTVE, José Pablo López, na que reclamaron “axilidade” no cumprimento da iniciativa popular Xabarín, promovida pola Mesa e aprobada por unanimidade do Parlamento en maio de 2021.

A iniciativa Xabarín contemplaba que “a Corporación de Radio Televisión Española emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego, nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa aplicación”.

Esta iniciativa viuse reforzada ao conseguirse que a Lei xeral de comunicación audiovisual recollese na disposición adicional 5ª.1 que o fornecedor do servizo público de comunicación audiovisual de ámbito estatal e os fornecedores do servizo de comunicación audiovisual de ámbito estatal garantirán nos seus servizos de comunicación audiovisual temáticos infantís, e nos seus catálogos de programas, a incorporación de contidos audiovisuais especialmente recomendados para o público infantil de até doce anos, dobrados nas linguas oficiais das comunidades Autónomas. Neste momento, esta disposición só se cumpre en Cataluña onde TVE xa dá opción de acceso en catalán aos contidos de Clan TVE.

Neste sentido, A Mesa reclamoulle ao máximo responsable da CRTVE celeridade no cumprimento da lexislación, lembrando que só 0,9 dos contidos audiovisuais están en galego e que RTVE debe cumprir os mínimos que estabelece a lexislación incorporando o galego aos seus contidos en Clan e asegurando que cando menos o 2,5% dos seus contidos están en galego. A Mesa recordou que o Estado debe garantir unha radio e unha televisión en galego tal e como establece o artigo 11 da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas.

José Pablo López comprometeuse cos representantes da Mesa a que, antes de rematar o ano 2025, haberá un aumento de contidos en galego en TVE e comezarán as emisións en galego en Clan. López asegurou que tamén se incrementará a presenza da nosa lingua nos contidos radiofónicos do ente estatal.

A Mesa resalta os avances conseguidos con grade esforzo polo conxunto da sociedade galega a través da mobilización e da Iniciativa popular. E recorda que estes avances están a ser postos en cuestión polo propio goberno da Xunta do Partido Popular que lonxe de cumprir a obriga de promover o galego, vén de aprobar unha lei de medios públicos que abre a porta a que a TVG deixe de usar o galego e a reducir máis a escasa oferta audivisual na nosa lingua.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego