‘Saber Galiza. Seminario de Estudos Galegos‘, o filme documental de Nós Televisión dirixido por Cristina de la Torre, pechará este venres 27 de novembro a súa xira dentro do ciclo ‘Outono das Artes‘ da área de Cultura da Deputación da Coruña no concello de Rianxo. A proxección, que contará co coloquio da directora, terá lugar no Auditorio de Rianxo, na Sala Arcos Moldes (Teatro) ás 21 horas.
A revolución da cultura e ciencia galegas
‘Saber Galiza. O Seminario de Estudos Galegos‘ é un documental que recupera a historia e o legado dunha das institucións fundamentais da cultura galega do século XX. A través de testemuños de especialistas, documentación histórica e a participación de estudantado da Universidade de Santiago de Compostela, o filme percorre a traxectoria do Seminario de Estudos Galegos, pioneiro na investigación científica e humanística sobre Galicia. Unha proposta divulgativa que invita a redescubrir unha experiencia colectiva decisiva para comprender a historia, a lingua e a identidade do país.




