A Casa do Taberneiro de Santiago de Compostela acolleu o pasado sábado a I edición das xornadas (Re)unidas pola Língua, organizadas pola Associaçom Galega da Língua (AGAL).
A xornada comezou coa intervención de Jon Amil (presidente da AGAL), Valentín García (Secretario Xeral de Lingua da Xunta) e Pilar Lueiro (concelleira de Santiago de Compostela). Amil destacou a dupla finalidade desta xornada, “que a lusofonia sexa un elemento central do debate” e que “a lingua non é de ningunha institución” senón que “todo o mundo é igual de importante, todo o mundo ten algo que achegar, a lingua é de quen a fala e nesta conversa non sobra ninguén”, dixo.
Valentín García mencionou que o novo Plan Xeral de Normalización Lingüística que está a preparar a Xunta ten “todo un sector dedicado á lusofonia” e que “a pertenza da nosa lingua propia, do galego, a ese tronco común da lusofonía debe exercerse en muitísimos sitios e non deixar de exercelo nunca”.
Pola súa parte, Pilar Lueiro dixo que “a lingua galega está nunha situación delicada, de
emerxencia, e non podemos mirar para outro lado”, que “cada persoa que a fala e a escribe é parte da solución e que “tanto ten o tipo de norma que usemos, o portugués pode salvar-nos”.

Tras o acto de apertura, todas as persoas asistentes foron distribuídas en cinco grupos
que foron rotando polas cinco mesas existentes. Cada mesa foi coordenada por unha persoa com experiencia no ámbito correspondente: Ensino e futuro profesional, coordenada por Sara García (educadora en Ultreia, iniciativa de lecer e tempo libre das Escolas Semente); Cultura, comunicaçións e redes, coordenada por MJ Pérez (cantora, comunicadora e produtora); Economía e servizos, coordenada por Antía Balseiro (consello de redación do xornal Novas da Galiza); Dereitos linguísticos, coordenada por Joseph Ghanime (profesor de portugués); e Converxencia lingüística na lusofonia, coordenada por Manuel Arca (profesor de galego e tradutor audiovisual).
Todas as conclusións serán, proximamente, recollidas e sintetizadas nunha memoria, que será levada pola AGAL aos organismos oficiais dos que forma parte (a Comunidade de Países de Língua Portuguesa – CPLP e o Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade da Xunta de Galicia); será entregada á equipa que está a elaborar o novo Plan Xeral de Normalización Lingüística; será presentado aos diferentes grupos políticos; será distribuído ás asociacións e persoas que traballan pola lingua; e será tamén publicado de maneira aberta para o conxunto da sociedade.



