Doce días para poder adicar todo o tempo á creación. Nisto consistiu a IV edición das Residencias Artísticas de Mariñán, que chegaron ao seu fin o pasado 11 de abril do 2025. Organizadas pola área de Cultura da Deputación da Coruña, as participantes deste ano compartiron espazo para desenvolver os seus proxectos creativos no eido da música, da literatura e do pensamento, da man dos comisarios Aitana Cuétara e Roberto Abuín.
Ailén Kendelman, coñecida no eido teatral por ser unha das fundadoras da compañía A Panadaría, foi unha das artistas que poideron gozar deste programa, aproveitando estes días para avanzar na súa idea de converterse nunha muller orquestra, algo totalmente insólito, pois sempre foron homes os que deron estes pasos.
Fronte a un sistema que adoita marxinar ás persoas que queren adicarse á creación cultural, as Residencias Artísticas de Mariñán proporcionan ano tras ano tempo e recursos e formación para que poidan aflorar novas propostas artísticas.
Ademais de Ailén Kendelman, no 2025 gozaron do Pazo de Mariñán as músicas Indra, Abril e Nanu. Do eido literario participaron Sergio Marey e Blanca Trigo e na categoría de pensamento estiveron Paula Sanmartín e María Bella. Todas destacan como positiva a experiencia e a liberdade dada no proceso. Fronte ao ‘teño que’, en Mariñán sempre impera o ‘quero’ e o ‘apetéceme’.
A deputada de Cultura, Natividade González, expresou a súa gratitude a todas as participantes, “por aproveitar como o facedes os recursos públicos que ofrecemos dende a Deputación”. “Para min é unha honra ver como estas Residencias Mariñán se están convertendo en berce do talento galego, de onde saen proxectos que despois acadan tantos éxitos”, sinalou.
Rematada esta edición, na Deputación da Coruña poñen a vista xa na organización dunha nova que terá lugar no 2026 e que introducirá algún cambio para avanzar aínda máis no apoio ás creadoras e creadores deste país.