Sacar adiante o talento que as creadoras levan dentro, nun ambiente de convivencia entre disciplinas, propicio para xerar sinerxias. Ese é o obxectivo das Residencias Artísticas de Mariñán, organizadas polo Departamento de Cultura da Deputación da Coruña e que en cada edición dan un pasiño máis.
Cantometrics, Su Garrido Pombo, Chumba e A Torna, na categoría musical; e Francisco Rodríguez Casal, Esperanza Mariño Davila, Laura Martínez Mateo e Marina Vidal Valiña na categoría de literatura e pensamento; poideron gozar na convocatoria do 2024 desta estadía. Doce días de aprendizaxe e traballo comunitario enfocado a reflexionar, avanzar e repensar as súas músicas, textos e proxectos.
Neste espazo inspirador, as persoas participantes dispoñen de tempo de calidade e tamén de asesorías para apoiar o proceso creativo, sendo unha iniciativa moi innovadora por non centrarse no produto final e no resultado definitivo, senón no proceso de creación do mesmo. Unha aposta clara de apoio ao sector cultural do país.