O presentador de televisión Rodrigo Vázquez, a premio nacional de poesía Yolanda Castaño ou a actriz Lucía Veiga, entre as voces que se suman á iniciativa promovida por #AquíTaménSeFala.
A mocidade estudantil galega organizada na iniciativa cultural ‘Aquí tamén se fala’ continúa encoraxando o Dépor a correxir o topónimo deturpado cun novo vídeo no que conseguen o apoio de facianas coñecidas da cultura galega.
Despois de lanzaren un manifesto apoiado por todos os institutos públicos coruñeses, excapitáns do club, as presidencias da Real Academia ou o Consello da Cultura Galega, os e as representantes de lingua de Concello, Deputación ou Xunta, entre outros; así como de repartiren 15.000 colantes na previa do xogo entre o Dépor e o Cádiz, unha nova acción viraliza as redes galegas:
Rodrigo Vázquez (Presentador), Xurxo Souto (Músico e escritor), Yolanda Castaño (Poeta), Fran Hermida (Xornalista deportivo), Juan Fuentes (Presentador), Xosé Antón Fraga (Xornalisfa deportivo), Lucía Veiga (Actriz), Kiko Novoa (Xornalista), Monti Castiñeiras (Actor), María Canosa (Escritora e presentadora), Xabier Díaz (Músico), Sara Seco (Creadora de contido), Federico Pérez (Actor), Pedro Alberte e Diego Veiga (Músicos), Santi Romay (actor), Rosabel Candal (Xornalista e escritora do libro “Dépor Vida”), Carlos Taibo (Escritor e autor do libro “O Penalti de Djukic”), os presentadores Manuel e Benjamín do podcast deportivista “Cuánto sufrimos, Martín”, César Morán (Escritor e músico), Marcos Pereiro (Actor), Xulio Ferreiro (Profesor e ex-alcalde da Coruña), Javier Guillén (Xornalista e autor do libro “Mucho que decir y poco que contar”), Isa Risco (Actriz), Antonio M. Fraga (Escritor), Diego Bernal (Escritor e lingüista), Carlos Ares (Guionista e produtor), Álex Charlón (Músico), Mario Regueira (Escritor), Pepo Suevos (Actor), Xan Veiga (Monologuista), Pepe Capelán (Presentador e guionista), Xosé Cendán (Xornalista) ou Paco Lodeiro (Presentador e produtor), figuran entre os 35 rostros que aparecen nun vídeo dirixido ao club coruñés.
Aínda que no vídeo non se especifica, moitos dos protagonistas son ademais socios do Deportivo, caso de Carlos Ares, Kiko Novoa, Antonio Fraga, César Morán, Marcos Pereiro, Javier Guillén, Diego Veiga ou Xulio Ferreiro. A maiores, algúns forman parte de peñas como a madrileña “Centenariazo”, caso dos escritores Diego Bernal e Carlos Taibo que residen en Madrid e se desprazan até A Coruña para veren os xogos do equipo herculino.
O vídeo, asinado por todos os centro públicos da cidade baixo a coordinación do IES Rafael Dieste, presenta unha sorpresa despois dos créditos, con Xabier Díaz entoando unha versión do popular “Vivir na Coruña, que bonito é” con adaptación da letra para homenaxear o símbolo deportivista Arsenio Iglesias.
Malia continuaren sen resposta da directiva, da plataforma sinalan novas accións das que irán dando conta nos próximos días.