A área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña vén de crear un programa para dar a coñecer as figuras da escritora coruñesa Syra Alonso e do seu home, o pintor tamén coruñés Francisco Miguel, detido e fusilado en Bértoa (Carballo) pola Garda Civil en 1936, acusado de actuar contra o réxime militar golpista. Na presentación das actividades participaron Sol Agra, deputada de Dereitos Civís; David Lozano, comisario dunha das citas do proxecto, o ciclo de conferencias “Memoria de amor e loita”; Carmen García-Rodeja, presidenta da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), e o escritor e editor Miguel Anxo Fernán-Vello.
“Recuperar a memoria das persoas asasinadas, represaliadas e exiliadas durante o golpe de estado e a ditadura fascista que o seguiu, é unha obriga das administracións públicas”, afirmou Agra. “O impulso de políticas de memoria democrática”, engadiu, “é un deber indispensábel que neutralice o esquecemento e evite a repetición dos episodios máis negros da historia”.
Para Agra, o seu obxectivo como deputada de Dereitos Civís “é contribuír a recuperar esa memoria esquecida e silenciada, dando a coñecer a verdade e reparando o honor e dignidade das vítimas e das súas familias, para que se faga xustiza histórica”.
Ciclo de conferencias
O ciclo de conferencias “Memoria de amor e loita”, no que colabora a ARMH, pretende dar a coñecer a vida e obra de Syra Alonso e de Francisco Miguel, así como presentar os “Diarios” de Alonso, recuperados no 2000 pola xornalista Carme Vidal na publicación “A nosa terra” e que veñen de ser reeditados por Alvarellos, con tradución de Anxos Sumai e material inédito da autora.
O ciclo esténdese ata o vindeiro 20 de outubro e divídese en dúas partes. A primeira, “Francisco Miguel, a vangarda arrebatada”, centrarase na figura do pintor, colaborador das revistas “Alfar” e “Casa de América” e rexente da Librería de Arte na rúa Real da Coruña. Amigo de Picasso, Carpentier, Seoane, León Felipe e o muralista mexicano Siqueiros, Francisco Miguel foi tamén ilustrador dos poemas de Jorge Luis Borges ou de Gabriela Mistral. Os restos de Francisco Miguel localizáronse e identificáronse hai agora dous anos e neste mes entregaránselle á familia para darlles sepultura no cemiterio de Santo Amaro.
A segunda, “Syra Alonso e Francisco Miguel: crónica de amor e ausencia”, centrarase na figura da escritora e servirá para presentar os seus “Diarios”, algúns de cuxos exemplares se repartirán nas presentacións.
O calendario de actividades en diferentes espazos da provincia da Coruña pode consultarse clicando AQUÍ.



