A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) nomea como autora destacada deste mes de agosto a Raquel Castro, escritora e profesora. Castro dirixe o Grupo de Teatro amador ‘Ata sempre’ de Alxén, Salvaterra de Miño, dende o ano 1999. Dende aquela, escribe obras de teatro tanto para o grupo de adultos coma para o de nenos e nenas, ademais de ser Presidenta da Asociación Teatral de Alxén.
Dentro da colección Pinguela de teatro, de Fervenza, ten publicadas as obras ‘A vendedora de palabras’, ‘A meiga e o emperador’, ‘A princesa e o labrego’ e ‘A Carapuchiña pasa da carapucha vermella¡. No 2016 saíu, na Editorial Galaxia, ‘As terapias da doutora Ledicia’ coa que tivo Mención de Honra nos Premios Estornela de Teatro Infantil (2014), que convoca a Fundación Xosé Neira Vilas. Esta obra foi finalista na Gala do Libro Galego 2016 na categoría de Teatro. Tamén escribe relato e novelas. Unha das últimas obras publicadas, no xénero dramatúrxico e coa Editorial Galaxia, foi ‘Dormente‘ onde reinventa un conto clásico para traelo transformado a través dunha ética feminista ás crianzas e ás persoas adultas de hoxe en día.