A vida e militancia de Ramiro Isla Couto aínda é descoñecida para a maioría de galegos e galegos. O veciño de Arnois, do concello da Estrada, foi unha persoa clave no nacionalismo galego na diáspora e así se lle recoñecerá na xornada que mañá, sábado, terá lugar a partir das 17 horas na Casa das Letras de A Estrada.
A xornada conta coa organización da Fundación Isla Couto, o Consello da Cultura Galega, a Dirección Xeral de Política Lingüística e o mesmo Concello de A Estrada co gallo do centenario da revista Terra, a primeira escrita integramente en galego na emigración, e da Irmandade Nazonalista Galega en Bos Aires, dúas entidades nos que Ramiro Isla Couto tivo un papel determinante.
Mais isto non foi o único destacable da súa vida. Militou no galeguismo, foi encarcerado no franquismo e máis tarde, no exilio, denunciou a represión fascista no libro ‘Lo que han hecho en Galicia. Episodios del terror blanco en las provincias gallegas contados por quienes lo han vivido’ (Editorial España, París, 1938). Tamén foi o responsable da xestión da saída dos refuxiados galegos, que embarcaban en Francia con destino a México ou Chile ao xeito dun Schindler estradense.
No acto do sábado, falarán del a catedrática de Historia da USC, Ofelia Rey, o catedrático Xosé M. Núñez xunto co profesor da USC e membro da Fundación Isla Couto, Xosé Luis Pastoriza.