O grupo pontevedrés Rager vén de publicar a reedición de ‘Estou na lavadora‘, o himno da banda O Caimán do Río Tea que transporta varias xeracións á época dourada do Xabarín Club e da auxe do rock bravú da que sairon grupos como Os Diplomáticos de Monte Alto, Os Rastreros ou Os Papaqueixos.
BRAVÚ XXX, historia cultural do país
A elaboración desta versión de Rager dunha das cancións máis emblemáticas do Xabarín e do bravú xurdiu no abeiro do documental de Nós Televisión BRAVÚ XXX conducido por Xurxo Souto, unha road trip na que se parte da actualidade para viaxar ata a Taberna Cabaleiro, en Chantada, cos Rastreros como anfitrións, onde proclamaron alí reunidos o nacemento do movemento bravú que marcou a historia cultural do noso país.
Rager, banda moza e emerxente
Rager é unha banda de rock punk composta por persoas mozas vinculadas á cidade de Pontevedra e que vén de traballar este verán en escenarios de alto nivel como o de SonRías Baixas ou BIGOSUND Pontevedra converténdose nunha das bandas prometedoras da escena emerxente galega.
Entre as vindeiras datas de actuación destaca a súa participación no Festival Psicotroita, en Sigüeiro, o 26 de setembro. A agrupación está xa a traballar no estudio para que este ano poida ver a luz o seu primeiro traballo discográfico.



