Rafael Vilar González gaña o XXIX Premio de Poesía Avelina Valladares

O alcalde estradense, Gonzalo Louzao Dono, foi o encargado de abrir a plica do XXIX Premio de Poesía Avelina Valladares, galardón convocado polo Concello da Estrada, logo de que os integrantes do xurado, reunidos no consistorio estradense este pasado luns, escollesen por unanimidade como gañadora a peza presentada baixo o lema “Anise K”. Aberto o sobre, o poemario resultou ser da autoría de Rafael Vilar González, co título “Ferida aberta”.

O xurado, conformado nesta ocasión por Xoán Carlos García Porral, María Neves Soutelo Vázquez, María Begoña Porto Brea e Esteban Folgar Brea (con Dolores Araújo Arias actuando como secretaria), seleccionou esta peza entre as 39 que concorreron á presente edición do premio, nun ano especial para o certame, na medida en que o Concello da Estrada reserva este 2025 á celebración do Ano Cultural Avelina Valladares, nun xesto que busca recoñecer, exaltar e divulgar o legado da cantora do Ulla para as letras galegas. Cómpre lembrar que no vindeiro mes de outubro celebrarase o bicentenario do nacemento desta escritora, natural da parroquia de Berres.

Despois de revisar os orixinais presentados, o equipo destacou a calidade literaria do poemario que, “a través da sinxeleza dos seus versos, consegue construír un universo poético íntimo e delicado, evocador e cheo de matices”. “Composto de coidadas imaxes, o poemario transita pola dor e a esperanza, o amor, a perda, as luces e sombras do cotián, creando para quen le esa fonda necesidade de tocar a terra”, argumenta o fallo.

Coñecido o fallo, o alcalde púxose en contacto xa co gañador para trasladarlle a decisión do xurado e facerlle chegar os primeiros parabéns. Rafa Vilar é un dos nomes propios destacados no eido da poesía galega contemporánea. A súa sona remóntase aos inicios da década dos noventa, cando gaña o premio de poesía Fermín Bouza Brey para autores novos. Tras el irían chegando moitos outros galardóns para este escritor de Cee.

O gañador do Avelina Valladares ten un amplo número de obras publicadas a título individual e colectivo e o galardón que se fallou esta tarde súmase á longa lista de recoñecementos que trufan a súa dilatada traxectoria literaria.

Cómpre lembrar que as bases deste premio literario recollen que tanto o tema como a forma dos poemarios podían libres, se ben se indica que os textos tiñan que contar cun mínimo de 300 versos e cun máximo de 800.

A dotación económica do galardón que leva o nome de Avelina Valladares dende hai case 30 anos é de 2.000 euros, que se outorgarán indivisiblemente nun único premio e suxeito ás retencións que, no seu caso, procedan. O premio entregarase nun acto público que se fai coincidir, cara remate do ano, coa publicación da obra no marco da Festa da Poesía.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego