A revista dixital Quiasmo nace co obxectivo principal de inspirar o intercambio cultural, a cooperación intelectual e a comprensión mutua nun mapa histórico compartido, segundo se recolle no seu manifesto: “o espazo galego-lusófono” que tende “pontes coa cidade de Barcelona.
O novo medio de comunicación contará con diversas seccións adicadas á ciencia, a poesía, o ensaio e a outras vertentes artísticas. A revista Quiasmo presentara tanto obras de artistas e pensadores consagrados como tamén de novos talentos, “valorizando a súa pluralidade”. Segundo se afirma na súa carta de presentación, o dixital aspira a ser unha fonte de referencia que “promove a comprensión mutua, celebra a diversidade cultural e a innovación, estimulando a creatividade”. Nesa mesma carta afírmase que serán unha plataforma onde científicos, artistas, escritores e pensadores de todas as áreas se reúnan para explorar o “vasto territorio do coñecemento humano en tempos de mudanzas de paradigmas”.
Compoñen o seu consello editorial, segundo se recolle na súa web, Tiago Alves Costa (escritor), Teresa Moure (escritora e profesora universitaria), David Bene (escritor e xeólogo), Martin Pawley (crítico de cinema e divulgador científico), Ramiro Torres (poeta), Cristina Luis (investigadora e divulgadora científica), Inez Andrade Paes (poeta) e Joana Magalhães (científica).