A Plataforma Queremos Galego chama a mobilizarse a prol da lingua este 17 de maio, Día das Letras Galegas, cunha manifestacion que sairá ás 12 horas desde a Alameda de Santiago para logo pechar na praza do Obradoiro cunha foliada en defensa do galego á que calquera persoa se pode inscribir. Para elo, a plataforma pon a dispocisión autobuses desde diferentes puntos do país.
Declaración Concellos coa lingua galega
Nesta semana das Letras, ducias de alcaldesas, alcaldes e membros de corporacións municipais de toda Galiza amosaron en Compostela a súa adhesión á Declaración Concellos coa lingua galega, promovida pola mesma plataforma cidadá Queremos Galego.
Representantes públicos de BNG, PSdeG, Alternativa dos Veciños, Compostela Aberta, Sada maioría, Movemento Salceda e Apin asumiron “como propio” o chamamento de Queremos Galego á mobilización o próximo sábado 17 de maio e declararon o seu apoio e disposición “para aplicar os acordos comúns, amplos e que unen ao conxunto do pobo galego“.
Na presentación pública da Declaración, que se celebrou esta mañá na alameda de Santiago de Compostela e contou coa lectura do texto por parte de Tareixa Navaza, o voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, salientou que “a emerxencia lingüística activou o pobo galego na reclamación do cumprimento e asunción dos compromisos aos que chegamos conxuntamente, con ampla participación, sen exclusións e sen vetos”.
Maceira fixo fincapé en que “este 17 de maio ten que ser o que encarreire a todas as institucións galegas e nomeadamente á Xunta de Galiza á irrenunciábel defensa e reposición da lingua que lle dá sentido“. “Coa forza que se verá nas rúas o 17 de maio e coa vontade que hoxe manifestades de acompañala sempre, é posíbel mudar o rumbo”, concluíu.




